Friday 19 de April de 2024

Ovidio Rodeiro destacou que o número de concellos adheridos ao convenio para a prevención de incendios ascende a 8 na área de Bergantiños-Costa da Morte incorporando 40 brigadistas


O delegado territorial informou que Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Ponteceso e Vimianzo están adheridos tamén ao convenio de xestión da biomasa para a limpeza de faixas secundarias

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia cos alcaldes da comarca de Bergantiños-Costa da Morte cos que xa están aprobados os convenios de prevención e defensa contra incendios forestais para a creación de brigadas municipais e de xestión da biomasa e cos responsable do distrito III, responsable desta área na provincia.

No encontro agradeceu o intenso traballo que levaron a cabo os bombeiros forestais e axentes ambientais, e que seguen realizando, de limpeza e desinfección dos exteriores dos centros de saúde e residencias situadas en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Ovidio Rodeiro destacou que desde o inicio do estado de alarma leváronse a cabo arredor de 900 actuacións de limpeza na provincia con intervalos de aproximadamente tres días para mellorar a seguridade destes edificios públicos. “O seu traballo foi fundamental nos momentos máis difíciles da crise porque non se deixou a ningún concello sen a desinfección que se precisaba”.

Convenios de prevención e defensa contra incendios forestais
Ovidio Rodeiro explicou os convenios vixentes de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e os concellos. No caso concreto desta área, subscribiron estes convenios os municipios de Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, A Laracha, Vimianzo e Zas.

A través destes convenios apóiase a creación de 8 brigadas cun total de 40 compoñentes nesta área e contarán con 2 motobombas. Ovidio Rodeiro explicou que algúns dos concellos xa contan con estes equipos e outros farano nas vindeiras semanas para levar a cabo traballos de prevención e para actuar no caso de que se produzan incendios forestais.

Estas brigadas municipais levan a cabo tamén traballos de prevención e de limpeza de espazos de risco nos concellos e colaboran co resto dos equipos doutras administracións na loita contra o lume.